Corporación Mutua é unha asociación de mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social formada por: MUTUA DE ANDALUCÍA Y DE CEUTA (CESMA); IBERMUTUAMUR; MAC MUTUA DE ACCIDENTES DE CANARIAS; MC MUTUAL; MUTUA GALLEGA; MUTUALIA; SOLIMAT e UNIÓN DE MUTUAS.
O código ético de Corporación Mutua recolle os principios e os valores que conforman o carácter da Corporación e dos seus membros, e define o modo en que se propón alcanzar os seus obxectivos. É un compromiso público da nosa disposición ao diálogo e á colaboración con todos os nosos grupos de interese. É, así mesmo, unha ferramenta para xerar confianza entre os nosos diferentes interlocutores para afianzar a nosa credibilidade e reputación, e para a creación dunha cultura común que nos identifique e nos una.
Corporación Mutua e as mutuas integradas nela velaremos polos valores e os criterios éticos das nosas propias organizacións e marcaremos as directrices de desenvolvemento da cultura de responsabilidade social en cada mutua, e dos principios e valores que integran este código.
A cooperación é imprescindible nun modelo no que cada mutua da Corporación mantén a súa identidade e a súa personalidade xurídica propia.
A colaboración e a cooperación son posibles a partir dun modelo de xestión común que asegura a eficiencia na administración de recursos e a calidade na prestación de servizos.
A cooperación permite sumar esforzos, coñecementos e experiencia, e poñer en común recursos e servizos para o desenvolvemento das nosas actividades e a mellora das condicións de saúde e traballo da poboación protexida de cada unha das mutuas da Corporación. A xeración de sinerxías apóiase na colaboración.
A calidade total é o principio que inspira a nosa actividade, que se reflicte na prestación de servizos e na xestión das prestacións en cada mutua. Deste modo garantimos e melloramos o estado de saúde, a seguridade e a asistencia dos nosos traballadores protexidos, evitándolles riscos e favorecendo ambientes de traballo sans e seguros.
Corporación Mutua entende a calidade desde a excelencia á que aspira o modelo de xestión adoptado, baseado na mellora continua, e, sobre todo, como a integración dos mellores recursos técnicos e humanos para satisfacer as necesidades das empresas mutualistas e da poboación traballadora protexida polas mutuas da Corporación.
Corporación Mutua e as mutuas integradas nela consideramos esencial establecer relacións de confianza para o desenvolvemento das nosas actividades e a cohesión interna.
A confianza permitirá que os nosos grupos de interese manteñan o convencemento de que respectaremos os nosos compromisos, dando unha resposta adecuada á función social que desenvolvemos e ás obrigas contraídas con todos eles.
Adoptaremos comportamentos que procuren o máximo beneficio posible para todos os grupos implicados na nosa actividade, mantendo a súa confianza.
Nas súas decisións e actuacións, Corporación Mutua buscará a satisfacción das necesidades e expectativas das empresas mutualistas e da poboación protexida por cada unha das mutuas, así como do noso persoal. Asumimos que este é un compromiso que deben cumprir todas as persoas das mutuas da Corporación.
A nosa vocación de servizo caracterízase por un trato humano, respectuoso e afectivo cara ás persoas coas que nos relacionamos.
A nosa actuación quere ser próxima e áxil: próxima desde o punto de vista territorial na medida en que a configuración de Corporación Mutua mantén o arraigamento en cada un dos ámbitos xeográficos de actuación das oito mutuas da Corporación; próxima coa poboación protexida e as empresas asociadas de cada unha delas, e próxima tamén entre as entidades da Corporación e as persoas que as integran.
Corporación Mutua respectará a dignidade das persoas no exercicio das súas actividades, escoitando e valorando todas as opinións. O respecto á liberdade individual nas opcións e eleccións; a igualdade de trato e de oportunidades sen discriminación por motivos económicos, de idade, orixe, relixión, sexo ou lugar de residencia, e a aplicación de criterios obxectivos e imparciais estarán garantidos en todas as nosas actuacións.
A fidelidade, a sinceridade e o cumprimento estrito dos compromisos adquiridos no seo de Corporación Mutua son imprescindibles para que esta acade os seus obxectivos. A lealdade das persoas das distintas mutuas a cada unha delas e ao resto das persoas e das mutuas da Corporación, a transparencia e a comunicación estarán na base do seu traballo diario. A lealdade favorecerá a implicación no desenvolvemento da Corporación e dos seus valores.
O mantemento da identidade e da personalidade xurídica propia das mutuas de Corporación Mutua confire un valor especial ao traballo en equipo, xa de por si importante no ámbito interno de cada unha delas. A colaboración e a implicación de todas as persoas, compartindo coñecementos e esforzos e actuando dun xeito sistematicamente coordinado, permitirán acadar os obxectivos da Corporación.
Para Corporación Mutua, o seu equipo humano é o seu principal activo. A implicación e o compromiso das persoas no traballo buscarase desenvolvendo as súas habilidades, capacidades e coñecementos. A conciliación da vida persoal, familiar e laboral favorecerá un clima laboral de calidade. A satisfacción dos nosos profesionais facilitará o cumprimento das súas obrigas e a prestación dun servizo de calidade.
Corporación Mutua aposta pola innovación, o cambio e o progreso na nosa xestión diaria e na mellora dos nosos servizos.
A innovación maniféstase nunha aposta constante pola capacitación, o desenvolvemento tecnolóxico e a creatividade na resolución dos problemas xurdidos e na asunción de novos retos. Unha actitude aberta ao coñecemento e á colaboración permitiranos responder ás expectativas dos nosos grupos de interese.
Corporación Mutua actuará de forma profesional, responsable, respectuosa, honesta e transparente. A responsabilidade enténdese como a integración voluntaria, activa e decidida na súa xestión das preocupación económicas, sociais e ambientais máis alá das obrigas legais.
Corporación Mutua e as mutuas asociadas a ela comprométense a difundir a cultura da ética e a responsabilidade social para o fomento da saúde e a prevención laborais, así como para o desenvolvemento de sistemas sanitarios e asistenciais sostibles, xustos e eficaces.
Este código está orientado á acción e a inspirar o comportamento de Corporación Mutua e das súas entidades integradas. Desenvólvese concretando a súa aplicación efectiva na súa actividade cotiá e de acordo cos seguintes compromisos: